Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acolle a exposición “O mundo na túa cabeza” e diversas actividades co gallo da Semana da Ciencia 2006

31/10/2006

Tui acolle a exposición “O mundo na túa cabeza” e diversas actividades co gallo da Semana da Ciencia 2006

A Consellería de Innovación e Industria ao través da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación organiza na cidade de Tui diversas actividades no marco da “Semana da Ciencia 2006”, en colaboración coa Concellería de Cultura do Concello de Tui. Baixo o título de “O mundo na túa cabeza”, o Museo de Historia Natural Luis Iglesias, por encargo da Dirección Xeral de I+D+I da Consellería de Innovación e Industria, organiza unha serie actividades relacionadas coa neurociencia. O cerebro e o sistema nervioso son os protagonistas desta quinta edición da Semana da Ciencia, con motivo da conmemoración do centenario da concesión do Premio Nobel ao neurocientífico español Santiago Ramón y Cajal.
A principal destas actividades será a presenza na Sala Municipal de Exposicións do edificio da Área Panorámica de Tui, da exposición “O mundo na túa cabeza. ¿Estás seguro do que ves?” organizada pola Dirección Xeral de I+D+i en colaboración co Museo de Historia Natural “Luis Iglesias” da Universidade de Santiago de Compostela. Esta exposición será inaugurada o vindeiro venres 3 de novembro ás 19.00 horas e permanecerá na nosa cidade ata o domingo 19 de novembro.
Xunto á presenza desta exposición haberá ao longo da súa estadía na nosa cidade diversas actividades paralelas relacionadas coa temática da mostra. Así o propio venres día 3 de novembro ás 20.00 horas o profesor da Universidade da Coruña, Casto Rivadulla, pronunciará unha conferencia titulada. “Estás seguro do que ves?”, no edificio da Área Panorámica de Tui. No mesmo lugar o sábado 11 de novembro dende as 11.00 horas haberá un obradoiro titulado “O cerebro: un mundo dentro da túa cabeza” dirixido aos rapaces de 8 a 11 de anos de Tui e a súa bisbarra. Finalmente, o venres 17 de novembro o Teatro Municipal acollerá senllas funcións da obra de teatro “Silencio, cerebro, acción” dirixidas ao público infantil ás 10.00 e ás 12.00 horas.
A semana da ciencia está dedicada este ano á “neurociencia” e ten como obxectivo achegar aos cidadáns os segredos do cerebro e do sistema nervioso, e en torno a esta temática xiran as actividades programadas en Tui e noutras oito localidades galegas pola Consellería de Industria e Innovación da Xunta de Galicia. Esta Semana da Ciencia celébrase simultaneamente en toda Europa e tenta sensibilizar ao gran público sobre a importancia da ciencia e pretende facernos reflexionar sobre a evidencia de que vivimos rodeados de ciencia e da importancia que ten esta para acadar o progreso e o benestar social. Outros obxectivos da Semana da Ciencia son difundir a investigación que se está a realizar en Galiza, abrir ao público os espazos reservados á ciencia, facer da ciencia e da tecnoloxía unha materia atractiva para o cidadán de a pé, incentivar a participación dos cidadáns nas cuestións científicas e espertar vocacións científicas entre os máis xoves.