Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Seis magos participan no I Concurso de Maxia na rúa Miñomáxico

14/08/2019

Será este sábado a partir das 19.30 h en distintos lugares e prazas do conxunto histórico

Seis magos participarán este sábado, 17 de agosto, no I Concurso de Maxia na rúa – Miñomáxico en Tui, organizado polo Concello de Tui coa colaboración dos magos Samuel Moreno e Javier Argüelles.  A cita será no conxunto histórico onde os magos irán actuando cada media hora, e haberá un personaxe que irá conducindo ao público no percorrido dende ás 19.30 h.

O Palco da Música no Paseo da Corredoira será o punto de partida deste concurso Miñomáxico xa que aquí terá lugar a presentación do evento. A continuación no seu entorno o Mago Deimi de Ribadavia achegará o seu espectáculo durante un tempo máximo de 20 minutos. Ás 20.30 h comezará a actuación do Mago Zanas de Tomiño nos soportais no Paseo da Corredoira. Ás 21 h a cita será na praza de San Fernando co Mago Paco de Marín, e media hora despois o mago Samuel Moreno actuará na praza de Fromista. Ás 22 h na praza de San Telmo será a quenda da Maga Paula, e pechará as actuacións, ás 22.30 h, na praza de San Fernando o Mago Xulio Merino de Vigo.

Ao remate de cada actuación o mago ou maga entregará unha papeleta ao público para emita a súa puntuación. Entre todos aqueles que cubran na papeleta o seu nome e teléfono sortearanse diversos agasallos doados polo comercio local. Ao remate da actuación do último mago farase o reconto dos votos e se entregarán os premios aos tres primeiros clasificados. O gañador recibirán 300 € e trofeo, o segundo 200 € e trofeo e o terceiro 100 € e trofeo. O sorteo de agasallos entre o público que deposite os seus datos nas papeletas de votación terá lugar no programa Día a Día da Radio Municipal, e os gañadores publicitaranse a través das redes sociais.

I Concurso de Maxia de Rúa de Tui, Miñomáxico

Sábado, 17 de agosto de 2019, dende as 19:30 h

  • Ás 19:30 h Presentación no Palco de Música no Paseo da Corredoira
  • Ás 20:00 h Mago Deimi (Ribadavia) no entorno do Palco de Música
  • Ás 20:30 h Mago Zanas (Tomiño) na zona dos soportais no Paseo da Corredoira
  • Ás 21:00 h Mago Paco (Marín) na praza de San Fernando
  • Ás 21:30 h Mago Samuel Moreno na praza de Fromista
  • Ás 22:00 h Maga Paula (Vigo) na praza de San Telmo
  • Ás 22:30 h Mago Xulio Merino (Vigo) na praza de San Fernando 
  • Ás 23:00 h entrega premios na praza de San Fernando