Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Remataron as obras de humanización da primeira fase da rúa Colon

5/02/2021

Repuxéronse as canalizacións de saneamento, pluviais e alumeado público, e colocouse iluminación led

Veñen de rematar as obras da primeira fase da humanización da rúa Colón que se executaron nos últimos meses. Supuxeron un investimento de 314.000 euros, financiados con cargo ao Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra. 

As obras contemplaron por unha parte a reposición da práctica totalidade das canalizacións de saneamento, pluviais, e do cableado público de baixa tensión. Esta parte dos traballos realizados foi a máis custosa e traballosa, debido ao mal estado que presentaban as tubaxes existentes.  Amais procedeuse ao asfaltado e ao pintado da sinalización horizontal en todo o tramo de obras. 

A iluminación deste vial mellorouse apostando xa por tecnoloxía led tanto nas catorce farolas instaladas de alumeado público, coma nas dúas de apoio no paso de peóns existente, que contan tamén cun sistema de iluminación led no propio báculo para advertir da existencia do paso de peóns. 
Inicialmente estaba prevista a colocación de bancos pero, tendo en conta a actual situación de pandemia, foron substituídos por 12 cadeiras individuais.  Do mesmo xeito foron acondicionadas as xardineiras ao longo da beirarrúa e plantáronse 6 arbores de porte medio.  Coma medida de seguridade nas zonas onde existen desniveis foron instaladas varandas de aceiro inoxidable. 

Debido as fortes choivas das últimas xornadas queda por completar o repintando dun tramo e pequenos retoques nas xardineiras que serán executadas en breve. 
Con esta actuación mellorouse tanto as condicións de seguridade vial na rúa, coma tamén esteticamente o espazo desta arteria que da acceso ao centro urbano.