Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Remataron as obras de arranxo das beirarrúas na Po 404 entre Guillarei e Caldelas

29/01/2020

Actuouse ao longo de oito quilómetros cambiando máis de mil baldosas rotas ou en mal estado

O Concello de Tui vén de rematar estes días as obras de arranxo das beirarrúas na Po 404 entre Guillarei e Caldelas. Actuouse nun total de oito quilómetros cambiándose máis de mil baldosas cerámicas que estaban rotas ou en mal estado.  A actuación tamén comprendeu a realización de xuntas de dilatación en cada desnivel, xa que as beirarrúas carecían delas o que provocaba o levantamento e rotura das lousas.  

O Concello de Tui, con fondos propios, contratou a unha empresa para acometer estes traballos no tramo comprendido dende a intersección da Po 404 coa N 550 en Guillarei, até a parroquia de Caldelas, no límite con Porto en Salvaterra.  

Co arranxo de estas beirarrúas o goberno municipal da resposta a unha vella demanda da veciñanza.

As beirarrúas na Po 404 – estrada de titularidade autonómica – foran realizadas polo Concello de Tui no ano 2009 con fondos estatais, polo que o mantemento das mesmas corresponde  á administración local por ser quen no seu día executou as obras.