Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A proposta de Diagnóstico e Plan de mellora do departamento de Urbanismo recolle a actuación en catro ámbitos

15/03/2019

A próxima semana levarase a comisión informativa e a finais de mes a pleno habilitar o crédito necesario para a súa execución

Centrar e documentar os procesos de urbanismo actuando no ámbito normativo, nos sistemas de información, nos recursos humanos, e a organización e funcionamento do servizo é o obxectivo da proposta de Diagnóstico e Plan de Mellora do departamento de Urbanismo presentada pola empresa EOSA, que hoxe foi dada a coñecer polo alcalde, Carlos Vázquez Padín, e o representante da empresa EOSA, Manuel Veloso.

Na súa comparecencia ante os medios do comunicación o alcalde, Carlos Vázquez Padín, reiterou a súa opinión de que “o gran problema do declive económico de Tui deriva do mal funcionamento do departamento de Urbanismo” polo que dicía a este asunto hai que darlle unha resposta áxil e eficaz, para deixar de expulsar investimento e rematar coa inseguridade xurídica que hai, en palabras do rexedor.

Apuntaba nese senso que entenderon que é preciso realizar un diagnóstico e proposta de mellora da actual situación deste departamento municipal para contar por unha banda cunha “foto fixa” da actual situación, e por outra cunha proposta e plan de mellora baseado en procedementos.

Abundaba o rexedor tudense en que o problema do departamento de Urbanismo é grave, hai carencias en tramitación que veñen de anos atrás.

Manuel Veloso da empresa EOSA explicou que o traballo que eles propoñen realizar busca centrar e documentar os procesos de urbanismo, polo que actuarán en catro elementos: o ámbito normativo, os sistemas de información, os recursos humanos, e a organización e funcionamento do servizo.

E rematarán plantexando actuacións de mellora.  Precisaba que a metodoloxía que empregarán – de realizar o traballo – involucraría ao propio persoal do servizo. Primeiro buscarían ter unha diagnose da área e logo plantexarían actuacións de mellora.

Os traballos estenderanse ao longo de 3 ou 4 meses e contan cun orzamento de 13.800 € máis IVE.

Na súa comparecencia desta mañá o alcalde avanzou que a próxima semana levará de novo a comisión informativa habilitar o crédito necesario para realizar este diagnóstico, un punto que incluirá tamén na orde do día do pleno ordinario deste mes de marzo.

Proposta de Diagnóstico e Plan de Mellora do departamento de Urbanismo