Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Oficina da Rehabilitación informa das axudas do Bono de Alugueiro Social 2018

5/02/2018

Foron convocadas pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta

A Oficina de Rehabilitación do Concello de Tui informa sobre as axudas do  programa Bono de Alugueiro Social da Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia que veñen de ser publicadas no DOGA. Estas axudas van destinadas a atender, con carácter urxente, ás persoas que sufriron desafiuzamento, vítimas da violencia machista, beneficiarios do Programa Aluga que se lles rematara esta axuda, ou aqueles que incorren en circunstancias de emerxencia social.

Os interesados poden achegarse os martes e xoves, de 9 a 14h, a esta oficina na casa do concello onde se lles informará das condicións, requisitos e documentación necesaria para solicitar estas axudas. 

En concreto estas axudas consisten na subvención de 12 bonos mensuais consecutivos, susceptible de dúas prórrogas sucesivas, de 12 meses cada unha, ata acadar un máximo de tres anos. No concello de Tui o importe mensual da axuda será de 175€.

Os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante non poderán superar uns límites máximos de ingresos, que se estipulan, por exemplo, en 1044,39 € para 2 membros ou 1342,78 € para 4 membros da unidade de convivencia. 

Outra das condicións que será necesario cumprir é o límite da renda mensual máxima do contrato de alugamento, que no caso de Tui será de 350€.

O prazo para solicitar as axudas está aberto ata o 20 de novembro de 2018 ou ata  esgotamento de crédito.