Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O sábado, 12 de outubro, celebrarase o IV concurso de pintura Pinta Tui

4/10/2019

Os interesados pódense inscribir até o propio sábado. Deberán realizar a súa obra entre ás 10 e ás 19 h do día do certame

O próximo sábado, 12 de outubro, celebrarase en Tui o IV Concurso de Pintura “Pinta Tui”, co obxectivo de promover e achegar a arte e a cultura aos visitantes e incentivar a dinamización da oferta turística e as actividades no municipio. Está organizado polo Concello de Tui xunto a ACITUI e Efectos.

Poderán participar todos os artistas que así o desexen, que deberán pintar o propio sábado día 12, in situ, calquera paisaxe ou motivo relacionado co Concello de Tui. Poderán empregar como técnica óleo, acrílico, acuarela, carboncillo, tintas ou ceras sobre un lenzo cun tamaño mínimo de 40 centímetros e un máximo de 120 centímetros.  Os soportes serán selados pola organización na Oficina de Turismo entre ás 8 e ás 10 h o sábado, e poderán comezar a pintar ás 10 h . As obras deberán ser entregadas antes das 19 h na Oficina de Turismo.  

A entrega de premios terá lugar o sábado, despois das 20h tras a deliberación do xurado, na Oficina de Turismo.

Os premios establecidos son os seguintes:

Para maiores de 18 anos:

  • 1º premio: Premio  de 350 €  dos que 250 € son en material de pintura e 100 € en metálico
  • 2º premio: Premio de 250 € dos que 175 € son en material de pintura e 75€ en metálico 
  • 3º premios: Premio de 150 € dos que 100 € son en material de pintura e 50 € en metálico
  • 4º premio: Premio de 100 € en material de pintura
  • 5º premio: Premio de 50 € en material de pintura
  • Mencións especiais que recibirán un agasallo ou trofeo

Os premiados terán a posibilidade de expoñer a obra nunha sala de exposicións do Concello de Tui.

Para menores de 18 anos

  • 1º premio: 150 € en material
  • 2º premio: 100 € en material
  • 3º premio: 50 € en material

Todos os menores de 10 anos que participen recibirán un agasallo consistente en material de pintura por xentileza do colaborador e patrocinador do evento Efectos.

As persoas interesadas en participar neste concurso poden inscribirse até o propio sábado, 12 de outubro, na Oficina de Turismo de Tui na praza de San Fernando, ou por correo electrónico en acitui@acitui.es, ou en efectostui@hotmail.com enviando o seu nome e apelidos, DNI, enderezo e correo, teléfono contacto, e documento no que se exprese o coñecemento e a aceptación das Bases.