Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O número 6 da revista Castellum Tyde achega once artigos e dúas crónicas de actividades

24/08/2020

O Instituto de Estudos Tudense edita esta publicación dende 2007 sumando 69 artigos de 33 investigadores

 Esta mañá presentouse na casa do concello de Tui o número 6 de revista “Castellum Tyde” publicada polo Instituto de Estudos Tudenses, IET, co patrocinio do Concello de Tui. No acto estiveron presentes o alcalde, Enrique Cabaleiro, e o presidente do Instituto de Estudos Tudense, Xabier Añoveros.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, recoñeceu o labor realizado polo Instituto de Estudos Tudenses na edición deste traballo. Apuntaba que os datos en canto ao número de artigos publicados reflicten por si mesmos a relevancia e importancia da revista. Ao tempo destacou a necesidade e privilexio de contar cunha entidade coma o Instituto de Estudos Tudenses que traballa pola nosa cultura e o noso patrimonio.

Xabier Añoveros, presidente do Instituto de Estudos Tudenses, destacou os 69 artigos de 33 investigadores publicados dende o primeiro número de Castellum Tyde en 2007. Detallou coma o número 6, correspondente ao período 2017/2020, está dedicado ao arquitecto, investigador e membro fundador do Instituto, Jaime Garrido, falecido o ano pasado. Son un total de 11 artigos e 2 crónicas de actividades desenvolvidas as que se recollen nas 304 páxinas da publicación. 

A revista ábrese cun artigo “in memoriam” sobre o arquitecto Jaime Garrido Rodríguez da autoría de Rafael Sánchez Bargiela, quen tamén achega “Tui nos relatos peregrinos e viaxeiros polo Camiño Portugués”.  O propio presidente do IET, Xabier Añoveros, é o autor de “El monumento al padre Salvado”.  Suso Vila presenta “Poliorcética medieval en Tui: La iglesia y las fortificaciones de la ciudad”, e Ernesto Iglesias Almeida “El hospital de San Gián dos Lázaros”.  Avelino Bouzón escribe “Bicentenario de los Maristas. Centenario del Juniorado Marista Portugués en Lagarteira (Tui). 1920-2020”.  “Manifestaciones artísticas culturales en Tui inspiradas en la Armada” é a contribución de Rosendo Bugarín González. 

Este número 6 de Castellum Tyde recolle tamén o artigo do profesor Domingo L. González Lopo titulado “La devoción a San Julián en Galicia: raíces populares de una hagiografía confusa”.  Xoán Martínez Tamuxe achega “Familiares do Santo Oficio nos concellos do Baixo Miños, menos en Oia. Primeira e única referencia en Oia á Inquisición, en 1695”. 

Complétase a publicación con “Dos canónigos de la catedral de Tui nombrados capellanes de honor: Antonio Bernardo Mosquera Tabares y Sotomayor y Rafael María Andreu Ballester” de Juan Ramón Aparicio González, e “Contrasta: a vila medieval” de Isilda Martins.

Amais destes artigos Marta Cendón publica na revista a crónica da actividade desenvolvida en 2018 polo instituto co gallo do aniversario dos concilios provinciais celebrados no mosteiro de San Bartolomeu de Rebordáns baixo o título de “1.118: La Huella de Gelmírez en la sede tudense”. E recóllese tamén a crónica da “Xornada sobre San Domingos, arte e historia” desenvolvida en agosto do ano pasado co obxectivo de ofrecer unha achega sobre a súa dimensión artística, a súa vinculación coa liñaxe de Soutomaior e os procesos devocionais da Idade Moderna”. 

Foron editados 400 exemplares deste número 6 da revista Castelum Tyde.