Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui terá un servizo de atención e asesoramento psicolóxico

4/09/2020

Contará cunha psicóloga e unha traballadora social

O Concello de Tui asinou está mañá un convenio de colaboración coa Asociación Avelaíña da Guarda, para a posta en marcha do servizo de atención e asesoramento psicolóxico de persoas con problemas de saúde mental, en Tui.

Estará composto por unha psicóloga e unha traballadora social que, proporcionarán apoio e asesoramento psicolóxico individual e familiar aos veciños e veciñas que o precisen.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, mostrouse satisfeito por esta colaboración que “cubre unha das grandes carencias de Tui”, a inexistencia dunha Unidade de Saúde Mental próxima así coma non contar cunha atención específica e continuada de saúde mental.

A atención psicolóxica é unha necesidade para o Concello de Tui para mellorar o benestar dos seus veciños e veciñas, afectados recentemente tanto pola catástrofe acontecida en Paramos o pasado maio de 2019, como pola situación de emerxencia sanitaria derivada da COVID-19.

Grazas ao convenio, este servizo servirá apoio para as persoas que sofren enfermidades mentais e, que actualmente, precisan unha maior atención debido á situación actual provocada pola COVID-19, segundo sinalou o concelleiro de Servizos Sociais do Concello de Tui, Ismael Diz.

A entidade sen ánimo de lucro, leva colaborando con varios concellos para brindar axuda a este “colectivo tan desfavorecido”, dicía María Fernanda Orduna presidenta de Avelaíña quen, destacou o logro que supón esta colaboración co Concello Tui.