Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui solicita a colaboración cidadá para manter a cidade limpa

28/10/2019

Hoxe ponse en marcha a campaña “Na rúa coma na túa casa, Tui limpo é labor de todos”

O Concello de Tui pon hoxe en marcha a campaña “Na rúa coma na túa casa, Tui limpo é labor de todos”.  Con esta iniciativa búscase a colaboración cidadá para manter a cidade limpa dando cumprimento ao recollido na Ordenanza Municipal Reguladora do Ornato Público e Limpeza Viaria.

A campaña xorde ante a proliferación de carteis colocados no mobiliario urbano, como sinais de tráfico, farolas, bancos, papeleiras… Para manter as condicións de limpeza e ornato da cidade solicítase a colaboración cidadá non colocando carteis de festas, eventos,… ou anuncios de perdas de mascotas, vendas, compras… e outros fóra dos lugares establecidos.  A Policía Local ten intensificado o control deste tipo de publicidade no mobiliario urbano procedendo a súa retirada e informando á empresa ou particular responsable que esta acción pode ser sancionada. Precisamente hai varios carteis nas entradas a Tui onde se advirte da prohibición de colocar carteis. Amais a Ordenanza Municipal Reguladora do Ornato Público e Limpeza Viaria, establece que este tipo de carteis e anuncios só se poden colocar nos lugares habilitados para tal fin.

Dende o Concello de Tui lémbrase tamén que  está prohibida a colocación de anuncios ou publicidade nos parabrisas ou outros elementos dos vehículos que están estacionados na vía pública, unha práctica que volve ser habitual sobre todo os xoves coincidindo co mercado semanal, e que pode ser igualmente sancionable.

Outro dos puntos nos que incide a campaña é na recollida selectiva lembrando que cada tipo de lixo debe ser colocado no contedor correspondente. E lembra que os mobles vellos ou en desuso deben ser depositados no punto limpo ao igual que os aparellos electrónicos. Na campaña tamén se fai un chamamento aos propietarios de mascotas para que eviten que os animais fagan as súas necesidades en zonas axardinadas, e se recollan os excrementos da vía pública.  A limpeza de fincas e casas, ou o uso das papeleiras son outros dos aspectos aos que fai referencia a campaña.  Haberá un apartado especial dedicado ás festas de Nadal.

A Campaña “Tui Limpo” desenvolverase dende hoxe luns até a primeira semana de xaneiro de 2020, tanto nas redes sociais municipais como na emisora municipal, co obxectivo de lembrar á cidadanía que a súa colaboración é moi importante. Dende o Concello agradécese de antemán a colaboración cidadá para lograr este fin.