Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá xoves na Biblioteca Municipal o Bardo Abelardo presenta “A música da auga”

16/10/2019

Este contacontos musical forma parte da programación do Día da Biblioteca

A Biblioteca Pública Municipal de Tui acolle mañá xoves, 17 de outubro, ás 18 h o contacontos musical “A música da auga” a cargo do Bardo Abelardo. Esta proposta vai dirixida a nenos e nenas de 3 a 11 anos. A entrada é de balde até completar a capacidade do local.  Esta actividade forma parte do programa organizado para conmemorar o Día da Biblioteca.

“A música da auga” é un conto musical que pon en valor a parte feminina das nosas vidas: a auga, a terra, a tenrura, a paz e solidariedade e acabar así con todo tipo de violencias.

O programa de actividades do Mes da Biblioteca organizado pola Biblioteca Pública Municipal de Tui continuarán coas seguintes propostas:

Do luns 21 ao domingo 27 de outubro, a Biblioteca Municipal tudense ofrecerá un agasallo de libros descatalogados ou procedentes de doazóns a todos os usuarios que se acheguen ata este centro bibliotecario.

Xoves, 24 de outubro, Día da Biblioteca, ás 18.00 h na Biblioteca Pública Municipal “A pirata escarlata” con Marisa Irimia, ilustradora, contacontos e animadora da lectura. Esta actividade trata de rapazas que capitanean perigosos barcos piratas, rapaces que pilotan naves espaciais, nenas e nenos que viven emocionantes aventuras, que xogan, elas e eles, un papel activo en mil e unha andanzas. Vai dirixida a nenas e nenos de 4 a 11 anos de idade.

Sábado, 26 de outubro, saída ás 17 h da Biblioteca Pública Municipal da Ruta Literaria  guiada pola escritora Marga do Val e o historiador Rafael Sánchez Bargiela. Realizará un percorrido por diversos lugares ligados a escritores tudenses, lembrando a súa traxectoria e as súas obras.

Esta actividades forman parte do programa Ler conta moito en igualdade da Consellería de Cultura e Turismo dentro das actividades de dinamización da lectura que promovan a igualdade entre homes e mulleres e/ou a loita contra a violencia de xénero nas bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia e que forma parte do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.