Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá conmemórase cun ciclo de conferencias o concilio galego celebrado en 1.118 en Tui

16/11/2018

A igrexa de San Bartolomeu e a sala Félix Rodríguez acollerán os relatorios de Javier Castiñeiras, Rafael Fandiño e Ermelindo Portela

Mañá sábado, 17 de novembro, celébrase en Tui un ciclo de conferencias co gallo do aniversario do Concilio galego de San Bartolomeu de Rebordáns. O título destas conferencias será “1118 La huella de Gelmírez en la sede tudense”. Están organizadas polo Instituto de Estudios Tudenses en colaboración coa Concellería de Cultura do Concello de Tui.

Ás 11.45h no adro da igrexa de San Bartolomeu, de forma previa á primeira conferencia escenificarase a chegada do arcebispo Xelmírez a Tui, contándose co acompañamento musical dos grupos Arume de Malvas e as Pandereteiras de Caldelas. Así mesmo, as asociacións Espenicelo e San Roque e San Bartolomeu colaborarán co engalanamento do adro da igrexa.

A continuación, ás 12h, na propia igrexa de San Bartolomeu Javier Castiñeiras López disertará sobre “San Bartolomé de Rebordáns y el primer románico”.

Xa pola tarde, na Sala Félix Rodríguez da Área Panorámica Rafael Fandiño Fuentes abordará ás 16.30h “El paso de unas reliquias por el río Miño: Diego Gelmírez y “el Pío Latrocinio”, e Ermelindo Portela Silva pronunciará ás 18h a conferencia “Diego Gelmírez y la frontera del Miño”.

O aniversario do Concilio celebrado en San Bartolomeu no ano 1118 representa unha ocasión extraordinaria para amosar a riqueza histórica e artística de Tui, coa sede episcopal instalada no mosteiro de San Bartolomeu desde o século XI. San Bartolomeu xunto con San Martiño de Mondoñedo son os primeiros exemplos do románico en Galicia, mentres que o Concilio mostra unha fronteira aínda en formación pero no social e no eclesiástico unida á sede tudense.

As conferencias previstas desenvolverán tanto os aspectos artísticos coma históricos que ligan a celebración dese Concilio co arcebispo Diego Gelmírez, promotor do concilio, e os seus vencellos coa área tudense.

Javier Castiñeiras e Rafael Fandiño profundaron nestes e noutros aspectos nas súas recentes teses de doutoramento, mentres que o catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela, Ermelindo Portela, expoñerá o seu extenso traballo na rexión do bispado de Tui facendo fincapé sobre as ligazóns entre o arcebispo Gelmírez e a fronteira do Miño.

Ciclo de conferencias “1118 La huella de Gelmírez en la sede tudense”

  • Sábado 17 de novembro
  • 12.00h. Javier Castiñeiras López, “San Bartolomé de Rebordáns y el primer románico”, que terá lugar na igrexa de San Bartolomeu.
  • 16.30h. Rafael Fandiño Fuentes, “El paso de unas reliquias por el río Miño: Diego Gelmírez y “el Pío Latrocinio”, na sala Félix Rodríguez-Área Panorámica (Tui).
  • 18.00h. Ermelindo Portela Silva, “Diego Gelmírez y la frontera del Miño”, na sala Félix Rodríguez-Área Panorámica (Tui).