Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A gobernanza e xestión turística, desestacionalización, profesionalización e competitividade e sostibilidade son os catro retos que plantexa o Plan Director de Turismo de Tui

30/04/2019

Marca as accións a desenvolver no período 2019-2022

Esta mañá presentouse na casa do concello de Tui o Plan Director de Turismo elaborado pola empresa Valora. O alcalde, Carlos Vázquez Padín, xunto a Antonio Rodríguez García e Tamara Tilve de Valora, foron os responsables de dar a coñecer o traballo desenvolvido nos últimos meses.

Previa a redacción do Plan Director e Estratéxico de Turismo realizaron unha mesa sectorial e tamén enquisas online para coñecer a percepción que do turismo da cidade ten tanto o sector coma a poboación en xeral.  Tamén se levou a cabo un estudo da oferta que hai no municipio dende o patrimonio cultural, natural,  eventos culturais, festas de interese turístico, ou o Camiño portugués. Realizaron amais un análise DAFO no que a estacionalidade, a baixa estancia media e a escasa diversificación foron as debilidades detectadas. Mentres as principais fortalezas son ser municipio de interese turístico, a oferta de recursos turísticos, ser membro de pleno de dereito da Red de Juderías e España, e a Eurocidade que Tui conforma xunto con Valença.

O Plan Director de Turismo, presentado esta mañá, define catro retos: gobernanza e xestión turística, desestacionalización, profesionalización e competitividade e sostibilidade. E recolle tamén 6 estratéxicas básicas a desenvolver coma o deseño e implementación dun modelo de gobernanza e xestión que poña en valor o feito turístico. Tamén o impulso de Tui como un destino atractivo ao longo do ano, a promoción orientada aos segmentos de demanda actuais e potenciais, e o impulso á comercialización do destino. Outras estratexías plantexadas son a mellora da profesionalización do sector e da competitividade do destino, e o posicionamento de Tui coma un destino sostible.

O Plan Estratéxico recolle 10 programas de accións, 46 acción concretas e 76 indicadores.  

Así nos programas de acción contempla en primeiro lugar a estruturación dun modelo de xestión turística no Concello de Tui, a mellora e optimización do punto de información turística e do seu servizo ao visitante, así coma a creación de experiencias turísticas que poñan en valor o patrimonio.  Tamén recolle a mellora do coñecemento da demanda turística, a definición dun plan de comunicación online e offline, a definición dunha estratexia de comercialización e o impulso de accións para a mellora da competitividade e da profesionalización do sector.  Outros programas de accións céntranse na mellora  do estado de conservación e mantemento do patrimonio natural e cultural, a reordenación de fluxos turísticos na cidade e a posta en valor de recursos turístico localizados fóra da zona centro, e por último un plan para o control da proliferación de vivendas turísticas de uso turístico ilegal.

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, explicou que este Plan Director e Estratéxico de Turismo senta as bases para que a próxima corporación teña unha folla de ruta de cómo actuar no ámbito do turismo, que “ten unha importancia estratéxica para a nosa economía”. Apuntaba que “un paso importante para pór en valor o noso potencial patrimonial e natural”. O propio concello indicaba que dentro deste plan “unha serie de deberes en canto a dotación dun persoal mínimo que permite estabilizar e darlle uns criterios á xestión turística”. Nese senso apuntaba que xa nos orzamentos de 2018 figuraba a creación dunha praza de técnico de turismo e outra de intérprete do patrimonio, que será xa a próxima corporación quen deba iniciar o proceso de contratación.

Antonio Rodríguez da empresa Valora explicaba que “Tui conta con todas as características para converterse nun destino turístico importante e ser un referente na zona”.