Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este xoves preséntase en Tui o libro “A invención da Gallaecia e a minaría do ouro” de Óscar Pazos Rodríguez

1/10/2019

Será ás 20 h na Sala Félix Rodríguez. Con esta actividade ábrese o programa do “Mes da Biblioteca”

Este xoves, 3 de outubro, ás 20 h na Sala Félix Rodríguez da Área Panorámica terá lugar a presentación do libro  “A invención da Gallaecia e a minaría do ouro. Unha tese sobre as orixes de Galicia” de Óscar Pazos Rodríguez.  Con esta presentación ábrense as actividades de animación á lectura organizadas pola Biblioteca Pública Municipal de Tui co gallo do Día da Biblioteca que se celebra o xoves 24 de outubro. O programa celebrarase baixo o título de “Mes da Biblioteca”.

O xeólogo vigués Óscar Pazos comezou en 2013 a investigar as pegadas da minaría galaico-romana na zona do Baixo Miño coma parte da investigación xeo-arqueolóxica da senlleira cavada do Rego da Serpe, nas illas Cíes. No seu estudo atopou unha chea de minas, indicios e pegadas mineiras descoñecidas ou sen documentar, e moi mal interpretadas, un feito que o levou a escribir este libro. No mesmo recolle e sintetiza os principais achados e conclusións destes anos de traballo. O autor segue a pescudar nas minas antigas e nas consecuencias históricas do gran ciclo mineiro do ouro, amais de contribuír á divulgación e coñecemento deste patrimonio xeo-arqueolóxico en andainas polas minas, en charlas e conferencias ou en congresos especializados.

O libro “A invención da Gallaecia e a minaría do ouro. Unha tese sobre as orixes de Galicia”, que se presenta este xoves en Tui, permite comprender como Galicia se converteu na gran mina de ouro do Imperio Romano e a importancia que tivo este feito para a nosa historia e paisaxe.