Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este domingo baterase récord de participación no Campionato de Galicia de Fondo en Estrada Máster de Ciclismo en Tui

24/07/2019

A saída será ás 10.30 h dende o Paseo da Corredoira e os ciclistas pasarán dúas veces polo coñecido “muro de Tui” na rúa Bispo Lago

Este domingo baterase récord de participación no Campionato de Galicia de Fondo en Estrada Máster. A falla dunhas horas para pechar a inscrición supéranse xa os 180 inscritos cando o límite está establecidos nos 200 ciclistas.

A proba sairá este domingo, 28 de xullo, ás 10.30 h do Paseo da Corredoira onde estará situada tamén a liña de meta. Os corredores terán que realizan 80 quilómetros nun circuíto establecido que os levará até Guillarei, Salvaterra, As Neves, Ponteareas, e regreso a Tui, onde no quilómetro 66.5 terán que afrontar o coñecido coma o “muro de Tui” que o ascenso pola rúa Bispo Lago até a Corredoira, para continuar por Areas, o Alto do Matelo, e San Antoniño, e regresar de novo ao centro urbano, para xa a poucos metros da liña de meta volver subir pola rúa Bispo Lago, polo que o tramo final será moi espectacular.

Este Campionato de Galicia de Fondo en Estrada Máster de Ciclismo foi presentado esta mañá na casa do concello polo concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, o presidente e secretario do Club Ciclista de la Fuente, Dean Flecher e Xavier Martínez, así como o presidente e o responsable técnico da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz e Guillermo Sande.

Rafael Estévez, concelleiro de Deportes, agradeceu ao Club Ciclista de la Fuente o seu traballo e a celebración desta destacada proba en Tui.

Dean Flecher, presidente do Club Ciclista de la Fuente, explicou que este campionato é unha carreira de referencia na que participarán ciclistas máster 30, 40, 50 e 60 con licenza federativa.

Mentres Juan Carlos Múñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo, apuntou que este campionato é unha das probas máis importantes do calendario galego, que conta cun percorrido espectacular e que baterá récord de participación dunha proba de ámbito galego. Isto dicía reflicte que “aquí as cousas se fan ben e que é un bo percorrido”.

Restricións no tráfico

Debido á celebración desta proba deportiva haberá cortes de tráfico momentáneos nas rúas por onde transcorre, polo que se solicita a colaboración e comprensión dos usuarios destes viais. Amais non se poderá estacionar ata ás 13.30 h nas rúas Calzada, Antero Rubín, Coengo Valiño e Bispo Lago, nin na rúa Casal Aboy no tramo entre a rúa Colón e a rúa Compostela.