Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Catro axentes de Tui condecorados coa Medalla ao Mérito da Policía Local

19/11/2020

Reciben esta distinción pola súa intervención tras rexistrarse a explosión no barrio da Torre en Paramos

Catro axentes da Policía Local veñen de ser distinguidos coa Medalla ao Mérito da Policía Local. O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a orde do 9 de novembro de 2020 pola que se determinan estas distincións. A propia xefatura da Policía Local presentou no seu día a solicitude para recoñecer o traballo realizado polos axentes na explosión rexistrada o 23 de maio de 2018 no barrio da Torre, en Paramos. 

En concreto van recibir a Medalla ao Mérito da Policía Local José Ramírez Pérez, Manuel Arca Caeiro, David González Martínez e a Avelino Martínez Pérez. Na resolución publicada no DOGA indícase que se concede a medalla  “pola súa intervención nun acto de servizo, ao ser de salientar o seu compromiso de servizo, calidade inherente ao ideal de servizo público, predicable dun bo policía”.

José Ramírez Pérez formou parte da plantilla da Policía Local durante 37 anos sendo o inspector xefe até a súa xubilación o ano pasado. Manuel Arca, actualmente inspector xefe, suma 33 anos de servizo e en 1999 recibía a insignia do concello pola súa intervención na resolución dun secuestro no monte Aloia.  Avelino Martínez leva 31 anos no corpo da Policía Local e David González está a piques de cumprir 17 anos coma axente. 

Os catro coincidiron en sinalar aquel 23 de maio coma o día máis duro que viviron na súa carreira profesional coma membros da Policía Local. Poucos minutos despois da explosión Avelino Martínez e David González foron os primeiros en chegar ao lugar co desconcerto inicial de coñecer a orixe do suceso, e atopándose cun escenario dantesco propio dun escenario bélico. José Ramírez lembra que “foi impactante” e coma “o cheiro a pólvora te asfixiaba” e “a tristeza de ver os corpos sen vida” das dúas persoas que faleceron. Manuel Arca recorda coma os entullos o enchían todo. Agora dous anos despois amosan a súa satisfacción por ver recoñecido o seu labor coa máxima distinción que pode ser concedida a un policía local.