Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui repón e instala novos sinais para mellorar a seguridade vial no municipio

10/02/2017

O Concello de Tui está a realizar estes días a reposición e colocación de novos sinais de tráfico tanto no casco urbano coma nos viais parroquias co obxectivo de mellorar a seguridade vial, e o tempo dar resposta a unha vella demanda dos veciños.

Para a colocación de novos sinais e a reposición doutros deteriorados tívose en conta tanto os informes elaborados pola Policía Local coma as peticións realizadas pola veciñanza. A adquisición de 240 sinais indicativas, informativas e espellos fíxose con cargo aos orzamentos de 2016.

Nos novos elementos prestouse especial atención á calidade dos materiais optando polo aluminio tanto para os soportes coma para os propios sinais, tendo en conta a súa durabilidade e o feito de que permiten un deseño máis moderno e nalgúns deles proporcionan maior información o que se traduce en maior seguridade xurídica.  Amais todos os sinais incorporan na parte traseira o escudo do Concello de Tui.

Entre as actuacións realizadas está a substitución da ducia de sinais indicativas da zona azul adaptándoas á ordenanza aprobada en 2008. Por outra parte vanse colocar os sinais verticais indicativos dos pasos de peóns das rúas Compostela, Betanzos, Lugo e  Ourense, que até o de agora carecían destes elementos, brindando así maior seguridade vial tanto a peóns coma a condutores.

Amais no tramo de titularidade municipal da N-550, comprendido entre a rotonda de Guillarei e o límite co termo municipal de Salceda, colocarase a sinalización vertical dos pasos de peóns, e reporanse os sinais de ceda o paso, stops...que están deteriorados.

Neste traballo que se está acometendo contémplase tamén a instalación de novas balizas flexibles en determinadas zonas para reforzar a prohibición de estacionar, sobre todo nos cruzamentos de distintas rúas. Deste xeito facilitarase a incorporación dos vehículos á circulación. Co mesmo obxectivo estanse a repor os espellos rotos, e se colocarán outros novos nas zonas onde se consideran necesarios atendendo aos informes realizados pola Policía Local.

O concelleiro de Tráfico, José Ramón Magán,  está a coordinar a reposición e colocación dos novos sinais coa colaboración da propia Policía Local e do persoal do departamento de obras.